
O GALEGUÍSMO COMPROMETIDO CO PROXECTO DEMÓCRATA EUROPEO
- 02/12/2019
- Artigos de opinión
Compromiso por Galicia: o galeguismo comprometido co proxecto demócrata europeo.
No noso pasado Congreso Nacional que tivo lugar o 21 de setembro, os afiliados e afiliadas de Compromiso por Galicia, aprobamos a adhesión do noso partido como integrante de pleno dereito da familia demócrata europea, un paso adiante na nosa curta vida como forza política comprometida coa construción dunha Europa dos pobos dende un proxecto integrador como é o federalismo europeo. Ao tempo, a nosa decisión implica un compromiso activo de loita democrática contra os populismos e extremismos que ameazan o proxecto europeo.
Compromiso por Galicia é una forza galeguista, europeísta e demócrata, que acredita nos valores da dignidade do ser humano, da paz e da liberdade e que quere pular por un modelo de Europa baseado na solidariedade, na distribución xusta dos recursos, na igualdade de oportunidades, nos dereitos das persoas e dos pobos e na xustiza social. Un modelo de Europa, baseado na igualdade de oportunidades, no benestar e no crecemento económico sustentable.
Pretendemos por tanto, afortalar o PDE desde Galicia, porque somos unha antiga nación europea, que quere ser parte activa na refundición política da Unión, mediante o impulso dunha gobérnana multinivel que nos faga partícipes do proxecto europeo xunto coas outras realidades nacionais presentes na Unión e tamén a través da construción dunhas institucións europeas máis fortes e máis democráticas.
Por fin, nos vindeiros días, após as colaboracións en actos conxuntos desenvolvidos en Lugo, Porto, Bilbo e Lisboa así como a nosa participación como convidados nos Consellos en Bilbo e Lujbljana, materializarase a nosa integración no Partido Demócrata Europeo e Compromiso por Galicia será a única referencia en Galicia deste partido federalista e europeísta que ocupa un espazo ideolóxico de centro progresista amplo cun forte compoñente social. En diante, como integrantes de pleno dereito da familia demócrata europea, estamos certos de que a nosa modesta achega axudará a poñer en valor unha ferramenta política reformista e transversal, que impulse unha refundación do proxecto europeo mediante a construción dunha Europa xusta, aberta, plural e dinámica. Eis o noso compromiso do noso país e coa familia demócrata europea.
Rosendo Gonzalo Covelo Roma.
Membro do Consello Nacional.