
CxG presenta unha resolución sobre os campos de concentración en Galicia no Franquismo.
Unha batería de propostas para recuperar a memoria histórica.
- 14/11/2019
- Novas
PROPOSTA DE RESOLUCIÓN SOBRE OS CAMPOS DE CONCENTRACIÓN EN GALICIA
Galicia non foi allea á represión fascista do réxime de Franco, os 11 campos de concentración e moitos máis que foran de traballos forzados existentes no noso País, así o acreditan. Os campos de concentración en Galicia significaran unha máis das formas que tomou o franquismo para matar e represaliar a máis de 30.000 presos políticos e presos de guerra: Betanzos, Camposantos, Casaio, Cedeira, Ferrol, Muros, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Mosteiro de Oia... son lugares testemuña do infame réxime do terror, odio e represalia do franquismo. Estes lugares que foran usados como campos de concentración durante a guerra e outros moitos máis que foran cárceres e campos de traballo forzados durante a ditadura deben hoxe ser lugar de memoria e de lembranza das nosas liberdades e do rexeitamento aos autoritarismos.
Neste senso, a creación da “Inspección General de los Campos de Concentración” dá mostra do modelo sistemático de morte e represión, tortura e fame, castigos e incomunicación, ao que dunha maneira programada someteu o sistema represivo franquista a unha parte; determinada por razóns ideolóxicas; da poboación. Un sistema de represión e impunidade dos represores que chegaría ata os finais da chefía do estado polo ditador Franco.
Por isto e seguindo os diversos acordos, resolucións e declaracións sobre memoria histórica e de condea aos réximes totalitarios do Parlamento Europeo e na base do artigo 2 do TUE onde fundamenta os valores de respeto á dignidade humana, liberdade, democracia, Estado de Dereito e respeto aos Dereitos Humanos desde a Comisión Executiva Nacional de CxG, tomamos a seguinte proposta de resolución:
1. CxG presentará no Parlamento de Galicia unha proposta para que o Parlamento solicite á Xunta de Galicia que sinalice e informe da posición xeográfica dos Campos de Concentración, na propia localidade e na e na paxina corporativa de Presidencia.
2. CxG instará á Xunta que coloque un monólito de lembranza das vítimas de cada un dos Campos, cun panel explicativo das actividades de cada lugar.
3. CxG solicitará ao Padroado da Cidade da Cultura a elaboración dunha mostra multidisciplinar, permanente e didáctica sobre os Campos de Concentración galegos.