
Piñeiro:“O galeguismo ten que ser a referencia de construción do país”
Entrevista ao candidato á Secretaría Xeral, Juan Carlos Piñeiro Docampo.
- 19/01/2017
- Novas
Juan Carlos Piñeiro Docampo(1977) é o único candidato á Secretaría Xeral de Compromiso por Galicia, no II Congreso nacional que se celebra este sábado 21 de xaneiro en Teo.
En Compromiso.gal queremos compartir cos nosos lectores esta breve conversa que mantivemos con Piñeiro Docampo.
P-Cal é o motivo polo que te presentas?
R-O principal motivo é a ilusión que representa encabezar un proxecto tan necesario para o país. Xunto a isto, a implicación de compañeiros e compañeiras que me pediron dar o paso. E porque coido que no eido da estrutura e da expansión que está e vai experimentar Compromiso, podo achegar experiencia.
P-Cal é o papel que debe representar Compromiso?
R-Compromiso representa un espazo político ao cal non aspiran outras formacións. Compromiso é un partido co centro de decisión en Galicia cun proxecto propio de país, sen dependencia de fora. Pero con ánimo de construción dun estado e dunha Europa de países.
P-Ten futuro esta organización?
R-Este partido ten un grande equipo humano e un forte patrimonio de ideas. Temos a nosa propia folla de ruta e estou convencido de que CXG escribirá parte do futuro de Galicia
P-Como valoras a cita do sábado ?
R-O sábado celebramos un congreso moi importante despois de catro anos de existencia. Reiniciamos un proxecto renovado sobre unhas bases sólidas e unha experiencia acumulada.
Pídolle á militancia que participe, porque Compromiso ten moito que dicir, e todos somos parte desta organización. Desexo a máxima participación e compromiso para comezar a traballar neste novo tempo onde o galeguismo ten que ser a referencia de construción do país.